Exames
e avaliación
Normalmente, a forma de avaliar as materias é moi diferente da usada en
Estados Unidos.
Probablemente che sorprenderá que, nalgúns casos, unha materia se
avalía principalmente mediante un único exame ao final de curso.
En moitos casos o profesor ofrecerá outras formas de avaliación, por
exemplo: exames parciais, elaboración de traballos escritos, proxectos,
traballos de campo, análise de bibliografía, exercicios (para realizar
en clase ou na casa), prácticas, exposicións en clase, etc. Tamén é
posible que teña en conta a asistencia.
É habitual que a nota final dependa dunha combinación da nota dos
exames e do resto das actividades realizadas.
A forma de avaliación sempre estará detallada na guía docente ou no
programa da materia. As seccións Estudios na UDC e Materias (por áreas)
desta web diríxente ás guías docentes ou aos programas das materias da
UDC. En caso de que non atopes esta información, consulta a dirección
académica do programa HC-UDC.
Asegúrate sempre de entender perfectamente como serán a avaliación e os
exames, para non levar sorpresas. Non dubides en acudir ás titorías do
profesor e preguntalo. Ten en conta que se suspendes o exame final
dunha materia non terás outra oportunidade de aprobala.
Se tes que realizar un traballo, un informe, etc., procura mostrar ao
profesor un borrador do teu escrito bastante antes da data límite de
entrega, para que che poida facer comentarios, corrixir ou orientar.
As datas dos exames están fixadas dende o comezo do curso; o profesor
non ten obriga de modificalas ou de realizar exames adicionais.
Notas
No sistema universitario español a cualificación realízase mediante
notas numéricas, nas que a peor é un 0 e a mellor é un 10. É necesario
obter un 5 ou máis para superar unha materia.
É frecuente que se mencionen as notas mediante as denominacións
suspenso (de 0 a 4,9), aprobado (5,0 a 6,9), notable (7,0 a 8,9) e
sobresaínte (9,0 a 10).
Se non te presentas ao exame final non obterás puntuación; no informe
coas túas notas para Holy Cross esa materia aparecerá coa mención de
non presentado.
Publicación de notas
Normalmente, uns días despois de realizar os exames, os profesores
comunicarán as cualificacións a través dos taboleiros de anuncios. É
frecuente que as cualificacións de distintos departamentos aparezan en
taboleiros diferentes.
Revisión de exames
Á vez que os profesores publican as notas, ofrecerán unhas datas e
horas para revisar os exames. É moi importante que acudas a falar co
teu profesor e vexas como fixeches o exame, especialmente se non estás
de acordo coa nota.
Recorda que sempre que teñas un problema cos exames ou a avaliación
debes poñerte en contacto coa dirección académica do programa HC-UDC.
Observacións
En caso de suspender unha materia, sempre podes volver examinarte en
xullo (materias de graos ou Socioloxía) ou setembro (materias de
licenciaturas).
Algúns períodos de exames, por ex. os de decembro, non son utilizados
polos estudantes visitantes.
Normativa
Os exames, a revisión e a reclamacións están regulados nas
«Normas
de avaliación, revisión e reclamación das calificacións dos estudos de
grao e mestrado universitario».